11 de julio de 2018

Un verán de actividades

Este verán estamos de estrea! Durante o mes de xullo imos contar con actividades para nenas e nenos, os xoves ás 11:30.

O pasado xoves 5 xa desfrutamos do obradoiro "Xogando coa historia", tal como os contabamos na entrada anterior, e o martes 10 Kids & Us viñeron a contarnos unha divertida historia en inglés "The Far West"



Esta é a programación para o resto do verán:

Xoves 12 de xullo ás 11:30  Obradoiro de Cucarandainas "Facemos a nosa casa":


Pais/nais e fillas/fillos de 4 a 12 anos.

 Neste obradoiro faremos a casa dos nosos soños, unha actividade sinxela para realizar conxuntamente en familia. O obxectivo deste obradoiro é desenvolver a imaxinación, a creatividade, traballar a plasticidade fina e a destreza ademais de fomentar a comunicación entre os membros da familia.
Require inscrición previa no formulario de solicitude, vía web, ou ben presencialmente na propia biblioteca ou chamando aos teléfonos 881 960 378 e 881 960 379.


Xoves 19 de xullo ás 11:30 Obradoiro "Escola de maxia":


Para nenas e nenos de 6 a 12 anos.

Visita esta especial escola, onde os aprendices de mago aprenderán a facer trucos de maxia moi sinxelos e didácticos, rescatando ao mago que todos levamos dentro. 

Require inscrición previa no formulario de solicitude, vía web, ou ben presencialmente na propia biblioteca ou chamando aos teléfonos 881 960 378 e 881 960 379

E en agosto... Feira do libro!!

Do 1 ao 10 de agosto, a biblioteca terá un posto na Feira do libro onde expoñeremos unha selección das nosas novidades. E para os máis pequenos, faremos un concruso de debuxos: faremos unha exposición dos debuxos feitos polos nenos e nenas que se acheguen a nos ao longo dos días que a biblioteca estea nos Xardíns de Méndez Núñez. O último día da feira escolleremos os tres mellores debuxos e premiaremos aos gañadores cun lote de libros, que se entregarán na biblioteca. 


Feliz verán a todos!  

9 de julio de 2018

Xogando coa historia

Xa está aquí o verán, pero as actividades da biblioteca non se deteñen. Este xoves desfrutamos dun obradoiro para nenas e nenos na nosa ludoteca.



Da man de Cucarandainas coñecemos xogos aos que a humanidade xogou desde tempos moi antigos, desde a época clásica.

Xogos de sempre feitos en cerámica, cristal, ósos, coiro...







Pero non só os coñecemos, senón que tamén aprendemos a facelos nós mesmos! Coiro, cartolinas, purpurina, rotuladores e mans á obra... Confeccionamos dous xogos: o xogo do muíño, e un tres en raia de viaxe, os dous xa se xogaban no Imperio Romano.



Xogo do muíño cunha partida en marcha


Traballando con coiro para facer un tres en raia de viaxe

Tres en raia de viaxe: o taboleiro convértese nunha bolsa

E lembrade que o xoves 12 de xullo temos outro obradoiro con Cucandainas: "Facemos a nosa casa"
ás 11,30 na ludoteca, previa inscrición.